A Revolta | Magazine Cultural Online | DE PERBES Ó CEO: MANUEL FRAGA IRIBARNE (I)
viernes 17 de agosto de 2018 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

DE PERBES Ó CEO: MANUEL FRAGA IRIBARNE (I)

O inicio da saga gaivoteira do PP

Só en Palomares

A historia deste último período democrático que vén existindo en España, e que incluiu a articulación administrativa das autonomías, ten pouquiñas constantes, mais son ben significativas.

En tódolos procesos electorais autonómicos que se levaron a cabo dende que nos abocaron ad eternum á Constitución, en Euskadi sempre gañou o PNV (en votos, non tocaremos hoxe as distintas maneiras de traducir isto en Poder) e en Galicia o PP. En Andalucía deuse basicamente a mesma situación, co PSOE arrasando, cedendo apenas un empate técnico co PP, e en Catalunya CiU levou sempre as de gañar, neste caso con dúas igualadas fronte ó PSOE (fronte a Maragall e a súa áura olímpica, máis ben).

Está claro que a realidade federal non ten nada que ver co noso mapa… agarda aí… mmm… o que sexa.

Lévannos a frialdade e contundencia dos datos a preguntarnos cal é a razón deste monolitismo, e como no noso caso estamos afincados neste recuncho do noroeste peninsular, emprendemos agora unha Triloxía da Gaivota que tente aportar algo de luz a esta escura cuestión. E o primeiro paso debe ser voltar a mirada á máis obvia conexión entre Galicia e o PP, a do fundador de Alianza Popular e durante catro lexislaturas zar absoluto a este lado do telón de grelos, o defunto señor Fraga.

A TRILOXÍA DA GAIVOTA, VOLUME I (a) :

DE PERBES Ó CEO: MANUEL FRAGA IRIBARNE

Seica está á venda o famoso chalé de Fraga en Perbes, o pazo de verán ó que acudía tódolos estíos o León de Vilalba. Claro síntoma de que, coma ben dixo Heráclito, todo cambia e nada permanece, temos que aproveitar a circunstancia para voltar a mirada sobre a figura do ex-Presidente da Xunta. Se xa en vida gozou no territorio galaico dunha adulación coma só os líderes relixiosos acadan (puntuada por certa crítica case obrigada da intelectualidade anovadora, concepto que agardo entendamos todos), o seu pasamento non fixo outra cousa que incrementar o grao de desenfreo lamecús sobre quen nunca mereceu tal cousa, agás pola súa oportunidade e falla de escrúpulos, cualidades, iso si que hai que recoñecer, que son as máis importantes para quen aspire a triunfar nisto da xestión da cousa pública.

A historia de Fraga, sen meternos en fregados dinásticos complexos, comeza en Vilalba en 1922. Súa nai era de orixe vasco-francés, e seu pai foi alcalde da vila lucense durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, que como sabemos funcionaba pola meritocracia dixital, quérese dicir, a dedo, logo algún servizo serio ó réxime tería que ter feito o home.

… perdón… non lembraba que non iamos sacar os farrapos xenealóxicos…

O caso é que o primoxénito Manuel demostra certa facilidade cara ós estudios, dándolle ás Leis na preparación para a que será unha sólida carreira política. En 1945 entra por oposición (limpísimas daquela, nunca se oíu dun amaño) como número un no Corpo de Letrados nas Cortes.

Felipe González & Manuel Fraga_1977E de aí, ó inicio da súa vida pública e política, que neste país implica ademais a participación na universidade (de 1953 a 1987 foi catedrático de Teoría do Estado e Dereito Constitucional na Complutense de Madrid). De todas maneiras, cando o seu rival Felipe González dixo que Fraga “tiene el Estado en la cabeza”, semella que estaba facendo unha chanza relacionada co espectacular cráneo de Don Manuel, máis que mención á tan exposta polos seus acólitos memoria enciclopédica do home, ou da súa inagotable capacidade de traballo (como a de Franco: seica a luz da seu despacho en El Pardo estaba acesa toda a noite…. daquela, iso si, a luz era máis barata…).

Pois a cousa é que se lembramos ó Generalísimo, toca dicir que, como vemos polas datas, ó xove Fraga non lle vai mal con el. Comeza a acumular cargos e responsabilidade no Réxime: en 1953 é nomeado secretario do Consejo de Educación; en 1956 acáelle a dirección do Instituto de Estudios Políticos, e en 1957 desígnano delegado nacional de Asociaciones.

Fraga y FrancoDe 1962 a 1969 será Ministro de Información y Turismo. No da Información é autor dunha lei de prensa que pasará á historia polo seu nome, e que eliminaba por primeira vez no Réxime a censura previa. Adiantado ó seu tempo, Fraga pretendía dos xornais que se censurasen a si mesmos, cousa que rematou por ser o modus operandi habitual tempo despois… A dimisión de Delibes coma director de El Norte de Castilla ou o secuestro do ABC e do diario Madrid foron algunhas manobras que acompañaron esa lei, evidenciando que pouco cambiara no férreo control da opinión pública por parte do aparato estatal. Ademais, en 1963 foi responsable da campaña “25 años de Paz”, na que por suposto non se profundizaba demasiado nos tres anos de Guerra que precederan tal xeira.

No do Turismo, España comezou nesa época a ofertarse internacionalmente, coa explosión infraestrutural correspondente, un primeiro boom do ladrillo vendido co lema Spain is different. Que tamén podía ter sido, Spain is cheap… A combinación dos prezos e o clima acadan un éxito rápido, que definirá un modelo productivo do país ata os nosos días.

O 17 de xaneiro de 1966 ocurriu un suceso que deixaría unha das imaxes da lenda de Fraga. Un B-52 colisiona nas manobras de repostaxe co avión cisterna que lle servía o combustible sobre Palomares, Almería. Como resultado, estoupan os dous avións, morren sete tripulantes (ninguén se acorda nunca deles) e caen catro bombas termonucleares, tres en terra, doadamente recuperadas, e a última no Mediterráneo, onde se atoparía despois de oitenta días de busca.

Para rematar cos rumores de contaminación, o Ministro dase un baño nas augas de Palomares acompañado polo embaixador ianque, Anger Biddle Duke (dos Duke da universidade de Duke). A imaxe deixa claro que Don Manuel podería ser o que queirades, pero nunca unha víctima da moda (máis cómodo que este home en tirantes non andaba ninguén). Logo tamén saiu que a praia da foto en realidade non estaba en Palomares, pero en fin.

El baño de Palomares

En 1969 os xornais adican unha cobertura nada desdeñable ó escándalo Matesa (empresa que trincou un mogollón de cartos como créditos do Banco de Crédito Industrial en base a unha actividade industrial inexistente, chegando en último termo a provocar o peche do citado banco) para o que é habitual nas corruptelas do Réxime. Semella claro que Fraga lle dá á prensa manga ancha para perxudicar ós implicados, tecnócratas do Opus Dei afíns ó seu rival político Carrero Blanco. Así tamén o debeu entender Franco, quen ademais de purgar ós salpicados pola trama destituiu ó de Vilalba por bocas.

A competición en medición de penes co vello (metafóricos, que a voz de pito deste último semellaba dar creto ós rumores de castración) non podía ser boa cousa, e así, Fraga chega á terna final de candidatos á Presidencia do Goberno en 1973, máis preto que nunca do seu obxectivo de ser o mandamás das Españas, pero Franco opta por Carrero Blanco.

Sutilmente marcha para Londres como embaixador ó recibir o rexeitamento, gañando algo de curriculum demócrata por medio do simple turismo. Mentres, ETA pon a Carrero Blanco nunha azotea (un asunto que semella moito máis complexo que facer unha escabechina nun Hipercor, pero non sigamos coas conspiracións), o vello empeora a súa saúde e acaba morrendo na cama (non hai xustiza no mundo) o 20 de novembro de 1975. Comeza a Transición.

Nun turbulento ano, Fraga detentará a Vicepresidencia do Goberno de Arias Navarro e o ministerio de Gobernación (hoxe sería o de Interior). De entón data a frase a frase que se lle atribúe de “la calle es mía”, amosando o seu carácter desafiante no medio de fregados coma os sucesos de Vitoria (onde a Policía Armada asaltou unha Visitando feridos en Vitoriaigrexa, lugar dunha asemblea de traballadores, e disparou mil tiros, ocasionando cinco mortos e un cento de feridos) o 3 de marzo de 1976, mentres Fraga estaba de viaxe promocional en Alemaña, inaugurando a que sería unha tradición dos cargos do seu futuro partido, a de non estar dispoñibles cando salta a lebre.

Partido que sería fundado o 23 de setembro de 1976 como coalición e baixo o nome Alianza Popular. Vese obrigado a este movemento ó ser superado por Adolfo Suárez no liderazgo do que sería UCD, a forza aglutinadora dos elementos moderados e reformistas que viñeran operando nas últimas fases do Réxime. En cambio, Fraga preséntase con elementos da aba máis reaccionaria, Fernández de la Mora, López Rodó, Silva Muñoz, Licinio de la Fuente, López Bravo e Tomás de Carranza, ós que popularmente se lles coñecerá, coa habitual mala baba, coma “los siete magníficos”.

O resultado das primeiras eleccións reais en España en máis de 40 anos é unha cómoda victoria por maioría absoluta de Suárez e a UCD, mentres que os magníficos obteñen menos do 10% dos sufraxios. Resultados ante os que o orgullo de Fraga, ese que na miña opinión o fai humano, e tamén causa dos seus máis coñecidos deslices, lle fai exclamar “¡se han saltado una generación!”.

Trala posterior debacle de UCD, Fraga, a estas alturas única cabeza visible de AP, ascende a líder da oposición, iso si, a mil quilómetros de Felipe González e a súa remarcable capacidade de prestidixitación. En 1983 Cambio 16 destapa que na seguridade de Don Manuel traballa Eduardo Almirón, unha das cabezas visibles da Triple A, organización paramilitar responsable de nin se sabe que atrocidades na Arxentina da segunda xeira de Perón e o subseguinte goberno da súa viúva, a tétrica Isabelita.

Finalmente cala a sensación de que Fraga pon un teito, polo seu particular carácter e historial, ás aspiracións dos conservadores de gobernar. En 1986 dimite como presidente do partido e retírase da política. Coa idade de xubilarse, isto suporía a fin da historia pública de mil e un personaxes. Pero non de Fraga.

(continuará)

 

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta