sábado 20 de enero de 2018 -
A Revolta | Magazine Cultural Online
Joyce y Sylvia Beach en Shakespeare & Co (París,1920)

A Editorial Galaxia publicará por fin unha versión galega de Ulysses, a monumental obra de James Joyce, un dos cumios máis influíntes da literatura universal. Culmina así un longo proceso, pois xa en 1926 o insigne Ramón Otero Pedrayo levara a cabo a traducción duns fragmentos da obra, sendo daquela o galego a primeira lingua peninsular en acoller este tour de force lingüístico.

Unha mostra máis de que os autores de Nós aspiraban á modernización da cultura e o país, sen dúbida. Pero choveu moito dende entón e cabe preguntarse que é o que agarda ó lector de hoxe no Ulises.

Non hai unha única resposta, senón que quen se achegue a esta obra obterá un resultado diferente en función do que lle teña levado a ela, máis nunha edición como a que promete Galaxia, carente de notas de ningún tipo. Porque moito se ten escrito sobre Joyce e as súas circunstancias, e da translación destas á súa obra, é comprensible o desprexuízo que busca a editora no lector, pero por se hai alguén interesado, aí van uns breves apuntes sobre o que rodea a este fetiche académico (para unha achega profunda recomendamos a extensa e ben documentada Joyce, biografía a cargo de Richard Ellmann).

Ulises transcorre en Dublín, e non é por calquera cousa. É o hábitat natal de Joyce, e a pesares de abandonar definitivamente a capital irlandesa ós trinta anos de idade, as historias que orixinarían con posterioridade a obra literaria do escritor quedarían para sempre atrapadas na cidade, hoxe orgullosa do fillo pródigo.

Establecido o marco espacial, definamos o temporal. A acción ten lugar o 16 de xuño de 1904, que coincide coa data da primeira cita de James coa muller da súa vida, Nora Barnacle, nai de seus fillos e coa que remataría contraendo matrimonio en 1931. Na actualidade, o 16 de xuño é celebrado coma o Bloomsday polos seguidores joyceanos de todo o orbe, gozando como é natural de especial predicamento en Dublín, onde se peregrina polos distintos escenarios da novela.

Nora Barnacle, modelo de Molly Bloom

Nora Barnacle, modelo de Molly Bloom

E por último deberemos aludir á trama, os feitos da acción, pero a verdade é que non hai moita. Un día sen nada en particular, un enterro dun coñecido, unhas cantas visitas ó pub, e unha primacía total da forma sobre o contido, no que as motivacións últimas son todo menos evidentes.

Os principais protagonistas son Leopold Bloom, a súa muller Molly e Stephen Dedalus, o protagonista de Retrato do artista cando novo (A Portrait of the Artist as a Young Man, James Joyce, 1916), que volve a exercer como xuvenil alter ego do escritor. Xa dende o título plantexa Joyce un (primeiro) pequeno xogo, o de establecer un paralelismo entre esta trama anodina e épica da Odisea. Segundo esta correspondencia, Bloom sería Ulises, Molly representaría a Penélope e Dedalus a Telémaco, pois o preocupado Bloom acaba tentando ofrecer amparo paternal ó fillo dunha amizade.

O texto está dividido en dezaoito capítulos, contando todos con cadenseu estilo literario, e o conxunto conta cun léxico vastísimo (na versión orixinal, máis de trinta mil palabras distintas), o que explica a dificultade da súa traducción, xunto coa abundancia de xogos de palabras. Esta tendencia aditiva de Joyce non faría máis que medrar na súa seguinte (e derradeira) obra en prosa, Finnegan’s Wake, que directamente é considerada intraducible. En conxunto son obras paródicas da historia da Literatura, e nembargantes remataron por converterse en reliquias sacrosantas, adoradas pola crítica.

E se é imposible resumir os mil e un momentos de brillantez que se agolpan no Ulises, que amosa unha comprensión da estrutura da linguaxe e da mente como poucas veces se viu, debemos citar alomenos un par de episodios para dar mostra da variedade presente na obra. Así, no capítulo [7], Eolos, empréganse titulares periodísticos entrelazados cos rítmicos diálogos dos protagonistas, a modo de fustigar que azuce o galope da narración. En [12], Cyclops, homenaxea á épica homérica, e en [14], Oxen of the Sun, vai imitando sucesivamente os diferentes arquetipos históricos da prosa inglesa, pero en [17], Ithaca, fai uso da estrutura dos catecismos, coas súas preguntas e respostas.

Quizais o capítulo máis importante da novela sexa o [15], Circe, desmesurado vodevil no que se aborda a visita ós burdeis de Nighttown de Bloom e Dedalus. Á fin, o tema da fidelidade conxugal é de gran importancia en Joyce, xa aparecera na súa producción dramática Exiliados (Exiles, James Joyce, 1914) a figura do cornudo, e agora Bloom integra esa condición na súa calidade de xudeu errante e cicerone dunha onírica Dublín. En última instancia resulta ser un Heroe moderno, que carece de tódalas atribucións típicas do Heroe clásico pero que non deixa de ser un home de paz, e nun mundo que viña da Gran Guerra, ese debe ser o heroísmo definitivo.

Ademais destes diferentes estilos, Joyce emprega na novela os chamados monólogos interiores, unha técnica que el mesmo confesa ter copiado de Edouard Dujardin e que empregou por primeira vez no Retrato do artista cando novo, se ben nesa ocasión eran introducidos coma entradas do diario de Dedalus. En Ulises os monólogos aparecen liberados, e a corrente da conciencia é, como é natural, diferente para cada suxeito. Así, o monólogo interior de Stepehen está caracterizado por crípticas relacións que avanzan na busca do infinito (estrutura escolástica que garda as reminiscencias da formación xesuita de Joyce), mentres que o de Bloom é máis cercano, e tamén completamente disperso, un estereotipo do home común como puidera ter sido calquera outro. Por último o de Molly resulta unha fonte incontible e confusa de lembranzas, ideas e sensacións, e se a obra ten sentido algún, semella dárnolo o seu positivsmo un tanto aleatorio, caótico. Contemporáneo á formulación cuántica da realidade, Joyce non chega tan lonxe na súa propia investigación da linguaxe e as ideas…

Con todo isto só queremos expresar o necesario desta traducción, aínda que sexa a nivel de prestixio do idioma. E se lle levou tanto tempo chegar ó galego será porque o sino desta obra, coma doutras “revolucionarias”, se queredes usar a expresión, é afrontar odiseas de seu antes de saír do prelo. A publicación orixinal de Ulysses foi por entregas na revista literaria Little Review de 1918 a 1920, pero o contido (mostrando sen medias tintas a ruindade humana, e tamén a compoñente escatolóxica da existencia) levou ó secuestro de varios números, e incluso a un proceso penal contra a edición por parte da Sociedade para a Prevención do Vicio de Nova York.

joyce

Finalmente Joyce (quen dende 1920 residiría en París ata que a Segunda Guerra Mundial lle fixo abandoar a capital gala) ve publicada a súa obra pola librería Shakespeare & Company, da entusiasta Sylvia Beach, en 1922. De feito, no corenta aniversario do autor organizan unha famosa charla previa á publicación do libro a cargo dun entregado Valery Larbaud, que se desfai en eloxios cara a novela. Como xa se sabe que os profesionais críticos traballan en manda, unha vez que alguén marca o camiño, a obra acabará sendo ben recibida, e a polémica previa remata por ser un beneficio de cara ás ventas.

Que en galego ocorra algo similar (a escala) será un indicador da vixencia de Joyce un século despois.

 

 

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta