A Revolta | Magazine Cultural Online | DE PERBES Ó CEO: MANUEL FRAGA IRIBARNE (II)
viernes 17 de agosto de 2018 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

DE PERBES Ó CEO: MANUEL FRAGA IRIBARNE (II)

Os anos xunteiros

fraga

A TRILOXÍA DA GAIVOTA, VOLUME I (b):

Continuamos coas andanzas do León de Vilalba…

Chegados a este punto, toca reflexionar sobre este mote. Suponse que estará referido á característica bravura de Don Manuel, sobrado de afouteza para enfrontarse a calquera. Pero tamén é afouto o teixo, e a verdade é que Fraga non se correspondía coas outras cualidades atribuidas ó grande felino, pois nin gozaba de espléndida cabeleira nin chegou a ser o rei da selva española. Os que o coñeceran tardíamente poderían identificalo co pingüín (emperador, iso si) polos andares, e o frontispicio cranial que gastaba lembraba máis ben ó cachalote, mentres que ese ulular ronco e continuo nunca se confundiría cun ruxido (por máis que berrase o home).

Pero con posterioridade a mitoloxía de George R. R. Martin daría cunha tecla importante, e é que un Lannister sempre paga as súas débedas:

…que foi basicamente o que fixo Fraga no seu retorno ó terruño.

antonio-hernandez-mancha-3Voltemos ó punto onde o deixamos con anterioridade. En 1986 retírase da política. Herda a presidencia de AP outro dos chamados pais da Constitución (así nos vai, tanto pai e ningunha nai…), Miguel Herrero de Miñón, quen sen embargo perde o ano seguinte as primarias (vese que non só lle saíu xoguetón este invento ós socialistas) fronte a Antonio Hernández Mancha.

O noso home debeu facer contas e decatarse de que a xubilación non lle deixaba tanto como el pensaba, porque do retiro pasou a presentarse ás cortes europeas, e dende Bruxelas foi testigo do ridículo de Hernández Mancha, quen presentou unha moción de censura fracasada de antemán e en xeral operou como quixo, sen que o carácter intervencionista de Don Manuel puidese soportar tal cisco.

En 1988 prepara o desembarco en Galicia, co obxectivo de recuperar para o partido o poder xunteiro, perdido pola deserción de varios deputados tránsfugas encabezados por Xosé Luís Barreiro Rivas (hoxe O TERTULIANO do país, ocupación que seguro atopa moito máis tranquila). ¿A resposta do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive? Facer estoupar unha bomba no famoso chalé de Perbes, sen que afortunadamente houbese perdas persoais. Por se non viña motivada a fera, tede por seguro que iso o puxo a andar.

fraga aznarFraga recupera o control do partido, que refunda, pasando a ser o Partido Popular, sendo designado José María Aznar candidato á Presidencia do Goberno español, e en 1990 presidente deste novo PP. Don Manuel ocupará un posto honorífico no partido como presidente-fundador a nivel nacional, e conservará o liderazgo da agrupación en Galicia.

No terruño gañou as eleccións de 1989, ás que se presentaba cos Centristas de Galicia de Victorino Núñez, por maioría absoluta. En consecuencia é nomeado terceiro Presidente da Xunta de Galicia o 5 de febreiro de 1990. Ocupará este cargo durante os 15 anos seguintes.

Algo faría…

Entroutras cousas, continuou e perfeccionou un modelo que define o país, o das redes clientelares. Por poñer un exemplo, o mentado Victorino Núñez marcha a Santiago no 90 para ocupar a presidencia do Parlamento autonómico, e deixa a presidencia da Deputación de Ourense, que pasa a mans de Xosé Luis Baltar Pumar. Este conservaría o cargo ata antonte, coma quen di, e hoxe o presidente é José Manuel Baltar Blanco, fillo do anterior.

baltar-blanco

Tod@s sabemos como e por que ocorreu esa sucesión. Os haxiógrafos de Don Manuel véndennolo coma o modernizador de Galicia (o salvador para o ex-alcalde de Negreira), pero ó final o único que se fixo foi gastar, e mal, os cartos europeos destinados a superar os desequilibrios territoriais. Non nos dixeron (e nós, coma panzas cheas, non preguntamos) o que custaban estas “axudas” da Unión Europea en termos de liberdade e autonomía. Aprendémolo agora, polas malas, coma sempre.

A estrutura dos chamados baróns era clara, Baltar en Ourense, Cacharro Pardo en Lugo, Romay Beccaría (hoxe Presidente do Consello de Estado) en Coruña e o falecido Xosé Cuíña en Pontevedra dirixían as actividades do partido a nivel provincial e obtiñan espectaculares resultados electorais. Mentres, dende Raxoi Fraga poñía rostro e inintelixible discurso, aportaba viaxes internacionais (máis de cento setenta ó longo da súa presidencia, unha ó mes) e cada catro anos sacaba os gaiteiros a pasear.

Por Pavel Karafiát

Por Pavel Karafiát

A súa maior aportación á organización sectorial en Galicia foi a mesma que fixera cando tivo responsabilidades de goberno en España, a popularización do turismo, neste caso empregando a tradición do Camiño de Santiago e reinventando o Xacobeo coma grande feira galega. Se o resultado desta estratexia semella claramente positivo no aspecto da difusión e o coñecemento do país, a cousa complícase moito máis se incorporamos os fondos que requeriu e require tantísima visibilidade como se lle dá ó evento.

Mais como todo se pode facer mellor, e tamén peor, na cousa das inversións abultadas Fraga non parou en volatilidades absurdas e quixo deixar un testamento pétreo, un mausoleo que non envexa ás pirámides ou ó Taj Mahal, mais no que faltan os restos do seu promotor (enterrado en Perbes). Se cadra levan para aí ó Eisenman, pero coma bo neoiorquino non semella doado que se preste voluntario.

Santiago_Cidade_da_Cultura_01-06Do pobre monte Gaiás e da maldita Cidade da Cultura xa se ten falado de máis. Só lembrar que esa aberración seguirá sangrando as arcas públicas cunha carísima programación que apenas atrae xente, por moi comicamente que se esforcen os realizadores da incomparable TVG en ensinarnos a cousa petada. O verdadeiro logro arquitectónico do conxunto é a macrozanxa que alí quedou varada, onde ía ir o teatro da ópera subterráneo. Xa o di o refrán, cousas veredes.

E cousas vimos, por ver ata asistimos á caída de Fraga. A cousa comezou o 13 de novembro de 2002, cando o Prestige, petroleiro que transportaba 77000 toneladas métricas de fuelóleo, sofre unha fenda no casco por mor dunha tormenta que o colleu fronte a Costa da Morte. Tras unha serie de peripecias de quita que manchas que impide o refuxio do buque, este acaba afundindo o 19 de novembro. Marea negra servida, a xestión da crise é de recochineo, con responsables políticos por aí de caza, Mariano contándonos a de preescolar na casa e a plastilina, e Arsenio Fernández de Mesa amosando a súa incapacidade e déficit cultural. E hoxe é Director Xeral da Guardia Civil…

O resultado:

cuiñaNunca Máis, movemento popular que enganchou a moitos dos opositores habituais ó fraguismo pero tamén a sectores tipicamente menos involucrados. Sen embargo, houbo outra xestión da crise, a maiores das decisións técnicas ou do tratamento mediático, e foi feita seguindo polo libro as directrices do clientelismo: choiva de axudas sobre os concellos afectados, o etéreo plan Galicia do carallo e moitas cousas máis, que nin se sabe a que prepararon (e é curioso que houbera tanto no que traballar cando Fraga levaba xa unha ducia de anos modernizando o país). E aínda houbo outra vertente da crise, a gaivoteira, xa que, aproveitando a confusión (e irregularidades, chapuzas e negocios turbios, que diso sempre hai abondo), o núcleo duro do PP en Madrid (os de Génova, como se lles coñece por estar nesa rúa sita a sé do partido) obrigou a Don Manuel a forzar a Xosé Cuíña Crespo a dimitir. Este era considerado o herdeiro de Fraga, e sen embargo a partir da súa dimisión quedou claro que ese rol pasaba a corresponder a Alberto Núñez Feijoo, un dos homes de Génova. Cuíña non só non era un home de Génova, senón que se enfrontaba a eles abertamente: o poder embriaga, disque, e creuse intocable. Claramente, non o era.

Pecado de soberbia e erro similar ó cometido ante Franco polo seu mestre tempo atrás. Moitos diredes que noutra época a cúpula nacional non podería facer comulgar con tal roda de muíño ó León de Vilalba. Pode ser (ou pode que non), o que está claro é que a tales alturas da película ó home fállaballe o fol. Desmaios e sonecas forman parte da imaxe ofrecida antes dos seguintes comicios autonómicos, que afronta con oitenta e dous anos cumpridos. Iso, e o desgaste de Nunca Máis, incluida a campaña Hai que botalos!, que dende a intelectualidade fixo obxectivo dos populares con insospeitada virulencia, fixo que o PP perdes…

¡Parade aí! Lembrade o comezo deste libelo, na súa anterior entrega: o PP gañou todas as eleccións en Galicia. Fraga volveu a gañar, con case o 45% dos sufraxios emitidos apoiando ó Presidente. Pero non lle deu para a maioría absoluta e o pacto bipartito o apartou da poltrona.

fraga-carrilloEsgotado o filón, o seu propio partido tamén o aparta dos focos. Nomeado dúas veces senador por designación do Parlamento autonómico, remata morrendo o 15 de xaneiro de 2012.

Interésame volver a esa idea orixinal dos partidos predominantes en Andalucía, Cataluña, Euskadi e Galicia. Comentando ese dato, un agudo (cando quere) amigo deume a clave: o PNV en Euskadi, CiU en Cataluña e o PSOE en Andalucía representan en realidade nas súas demarcacións o mesmo que o PP en Galicia. Hai baróns en tódolos partidos, e é unha palabra que representa moi ben ese concepto en particular. A mesmiña que se podería empregar no Antigo Réxime, si señor.

Citando a outro Manolo, esta democracia es una basura, no la diferencio de la dictadura…

 

 

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta