sábado 23 de junio de 2018 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

E RAJOY EVITOU RAXOI

O segundo volume da triloxía da gaivota

RajoyBN

Mariano é o home do momento.

Consecuentemente, tenta manterse apartado dos focos.

O camiño de Mariano ata chegar á cúspide do poder executivo do Estado tivo, como non podía ser doutro xeito, as súas revoltas, e nunha delas parecía destinado á presidencia da Xunta, sen que iso chegase a ocorrer. De aí o título deste episodio, segundo volume da triloxía da gaivota do PP e Galicia, de Galicia e o PP, e como se conecta coa era de Fraga comentada anteriormente.

RajoyMariano vén de familia xurista: o seu avó paterno foi un dos redactores do Estatuto na Segunda República, polo cal foi logo represaliado (quitáronlle a cátedra), pero o seu fillo continuou coa vocación e tocoulle ser recompensado, sendo o pai de Mariano Rajoy Brey, Mariano Rajoy Sobredo, o actual presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Engadamos un par de primos notarios (ademais do científico, que, si, é catedrático de Física pola Universidade de Sevilla, e doutro persoeiro cosanguíneo que ten, pero iso ocorre en tódalas casas) e temos unha familia na que as discusións de sobremesa sobre lexislación polo menos están acompañadas dun certo coñecemento sobre a situación real, a diferencia das da miña familia.

(Se alguén ve aquí unha pulla sobre a estratificación da pirámide social tamén leva premio).

Cos antecedentes familiares non é de extrañar que o noso home rematase estudiando Dereito na facultade de Santiago de Compostela (alma máter dunha boa cantidade de nomes da política galega e estatal), sacando a continuación a famosa a praza de rexistrador da propiedade que detenta dende hai máis de trinta anos.

A partir de entón ocorre que decide afiliarse un partido, neste caso a Alianza Popular de Manuel Fraga, e como lle pasa a calquera, ipso facto entra en listas a deputado polo Parlamento galego. Resulta elixido en 1981, iniciando a súa carreira política, continuada dende entón. Como pasa algunha que outra vez, este bastante importante membro da nosa clase política carece de ningunha experiencia no ámbito da empresa privada.

Nembargantes, cando estes servidores públicos deixan a carreira política son inmediatamente fichados e xenerosamente pagados polo mundo empresarial. Sen dúbida a alta capacidade de xestión demostrada no desempeño político é o que atrae a libre acción da correspondente multinacional.

Outra proba máis da inquebrantable lóxica do capitalismo.

En 1983 o noso home, que fora elixido edil polo concello de Pontevedra, pasa a ocupar a Presidencia da Deputación da mesma provincia. Outra vez nos topamos con esta articulación executiva, tan doadamente relacionable cun longo historial de despilfarro público e abusos varios por parte de quen detenta o Poder, e que ó fenómeno de Rubalcaba (ministro hai vinte anos con Felipe González) só se lle ocorreu que eran superfluas cando se enfrentou a unhas eleccións perdidas de antemán.

En 1986 Xosé Luis Barreiro abre un cisma na AP galega, dimitindo xunto a un grupo de fieis e enfrontándose directamente ó presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor. Este recibe o apoio do aparato do partido, quere dicirse, de Don Manuel, e reconstrúe o seu goberno con Mariano Rajoy coma vicepresidente.

É neste intre cando semella que Mariano está destinado a converterse en Presidente da Xunta seguindo o procedemento de ascensos e herdanza habitual feijoo_e_ruedano ámbito da política de partidos (e polo cal Alfonso Rueda está tensísimo de expectación ante calquera movemento de Feijoo), pero como xa comentamos na anterior entrada, entón chega Fraga, manda parar, e define unha parte importante da política das seguintes dúas décadas.

Á vez que o León de Vilalba toma o control do aparato galego, Rajoy entra no Comité Nacional do partido. Progresivamente, o seu nome vai soando con máis forza arredor do delfín Aznar.

A saída de Mariano cara o escenario nacional librounos de contemplar un espectáculo seguramente fascinante: o de ver pelexar ó figura de forma cotiá coa súa reluctancia cara a lingua vernácula, que ademais ten algún xiro que deixaría todavía máis en evidencia os seus problemas de dicción. Respecto a esta última, con esa tara ten collóns que se adique a unha profesión que, no sentido clásico e pomposo no que as cámaras parlamentarias tentan reproducir Senado romano, entronca directamente coa figura do orador. Non quedou evidencia rexistrada, pero dubido que Catón asubiase dese xeito ó inistir na destrucción de Cartago.

O resto está abondosamente documentado no ámbito nacional: co ascenso do fenómeno Aznar e a súa chegada á Presidencia do Goberno en 1996, Rajoy é un dos ministros importantes do cónxugue de Ana Botella, primeiro de Administracións Públicas pero tamén ocupou as carteiras de Educación e Ciencia, Interior e Presidencia.

Ó respecto disto,unha cuestión: se enfocamos cada día máis a educación universitaria cara a especialización cada día máis (e non estou necesariamente a favor desta evolución), ¿como é que logo o licenciado en dereito de turno é o responsable máximo da organización nacional de calquera sector?

Entre que lexislaba e tal, Mariano tivo tempo para dirixir a exitosa campaña electoral de 2000, na que Aznar conseguiu unha ampla maioría, baseada nos resultados económicos dunha burbulla que comezou a inflar a radical reforma da Lei do Solo. O trunfo permitiu a Jose Mari esquecer o catalán e a Pujol Sénior.

030316-F-1698N-007

Esta lexislatura do rodillo ten dúas vertentes. Por unha banda, a nivel executivo, a ansia de gloria de Aznar lévao a meterse no fregado importante de ser un dos rostros da invasión de Iraq, e ademais deben afrontar a comentada anteriormente catástrofe do Prestige, e nesta Mariano, que ademais luce credenciais de galego honorario, tamén coñecido coma vacacionante, tivo que dar a cara:

Por outra parte, a nivel interno prodúcese a xorda batalla pola sucesión do bigotes (non me refiro a Álvaro Pérez, senón ó mostacho que por entón definía a Jose Mari). Perfílase unha terna de finalistas que inclúe a Jaime Mayor Oreja, Rodrigo Rato e o noso protagonista. A proverbial habilidade fóra de plano de Rajoy fai que emerxa vencedor da criba.

Afronta unha campaña electoral como candidato á Presidencia do Goberno fronte a un semidescoñecido que sorprendentemente vencera a José Bono nas primarias do PSOE do 2000, José Luis Rodríguez Zapatero. O desgaste dos últimos anos de altanería e soberbia de Aznar, e se cadra tamén o perfil medio, sendo xenerosos, como candidato do noso protagonista, auguraba un descenso nos resultados do PP. Aínda así, parte como favorito para a victoria nas enquisas. Coa victoria na man, Rajoy négase a realizar un debate electoral con Zapatero ou con ninguén. Xa o dixemos ó principio, este home sabe evitar os focos.

Coas eleccións programadas para o 13 de marzo de 2004, pasadas as sete e media da mañá do 11 de marzo, artefactos explosivos detonan case simultaneamente en catro trens de Madrid. O reconto de víctimas mortais chega a 192, converténdose no máis sanguento atentado da historia de España.

O 12 de marzo, xornada de reflexión, temos que Mariano deixa as sombras e aparece nas nosas pantallas:

O que non conta Mariano é a feira que dende o ministerio do Interior protagonizara o día anterior Ángel Acebes, quen, segundo toda evidencia, terxiversou os feitos do atentado para buscarlle un autor máis favorable para os intereses electorais do seu partido. Esta manipulación evidente do proceso democrático deuse sen que finalmente o señor Acebes penase por ela… No país da impunidade, tampouco nos debería sorprender.

Agora, é máis difícil explicar como nove anos longos despois de tal teatriño o señor Rajoy é o noso Presidente. Non só conseguiu superar a derrota sen afrouxar o seu liderato sobre o PP, senón que chegou a perder outra vez con Zapatero -un rexistro impresionante, dos máis gordos que poderá conseguir, faga o que faga, Mariano- e aínda ficou como líder popular ata que chegou o momento da definitiva debacle sociata.

A virtude de Mariano que posibilitou esta fazaña está agochada trala barba do noso protagonista, e é que gasta un palmo máis que considerable. Defecto chamaranlle algúns, no exercicio da política vóltase o contrario: temos exemplos de tódalas cores…

O caso é que Rajoy resistiu un forte acoso interno, encabezado pola maquiavélica lideresa, e con paciencia e equilibrios varios chegou ó punto onde a balanza do bipartidismo inclinou cara os seus intereses. Dende a súa chegada á Presidencia exerceu coma o tecnócrata neoliberal da moeda única (cargo ó que en verdade quedan reducidos os líderes nacionais dende que aceptamos participar no modelo de Maastricht), resubindo o IVE (vinganza contra @s artistas, pero tamén contra @s peluqueir@s) e colaborando na destrucción da asistencia social. Pero a sumisión de soberanía funciona a varios niveis, e agora Estrasburgo déixoulles un fregado bonito de cara á xestión da cuestión de ETA.

E non é a única sentenza que preocupa a Rajoy, dende logo. A Xustiza leva inquirindo na finaciación do seu partido un tempo, a raíz da trama de financiación Gürtel, que acabaría poñendo mo ollo do furacán ó Senador por Cantabria e tesoureiro pepeiro Luis Bárcenas.

A merda de Luis el Cabrón dará para un tempo, co que o final da lexislatura preséntase extraordinariamente complicado para o noso protagonista. Pero como supervivinte dotado de paciencia infinita, pachorra diría un, e que perdeu a vergoña hai tempo, aínda veremos onde e cando remata o seu chou. Sería un culebrón entretido, se non viñese acompañado da traxedia lexislativa e de xestión do seu goberno.

E quen sabe, ó mellor aínda lle dá para deixar herdeiro…

Con Feijoo

 

 

 

 

 

 

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta