domingo 19 de noviembre de 2017 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

ZUCKERBERG, LOGOPEDIA E FEMINISMO

abusoverbal

“Levar unha vida amargada pode calquera pero amargarmonos a vida a propósito é un arte, aprendémolo”

Paul Watzlawick

Dis que as habilidades creativas pasan por saber conectar información, sendo honesto recoñezo que últimamente ando de secano con iso. Pero como teño antollo de voltar ó escenario da escrita cal vello roqueiro e ademáis, manter o compromiso co editor desta revista (que sospeito será moi creativo pasándome a coitelo por non entregar pronto), véxome na obriga autoimposta de conectar as ideas do título. Hei de recoñecelo, fago trampa, licenza literaria se o preferides, levo tempo matinando no que e no como, mais non no cando escribir, en parte grazas a insistencia dalgún a quen mantiven nunha promesa eterna de meses (coma se fose un amor non correspondido). Imos logo…

connectedPor onde empezo, si, si, pola tecnoloxía. Que dicir do todopoderoso “feisbú”, rede social, enredados todos e todas nesa especie de combinación de caldeiro do lixo das frivolidades e biblioteca de Alexandría das boas causas. Enredados coa información, conectados e conectadas e aportando as nosas vidas informativas ó señor Mark Zuckerberg. Para quen non o saiba a maioría das empresas adicadas ás redes sociais concéntranse en Palo Alto, California, nunha especie de ecosistema de gafas de pasta, camisetas, vaqueiros, acné e inventos varios; onde o alimento natural é a creatividade extrema e nas empresas hai todo tipo de diversións e horarios relaxados onde disque aínda non chegou a reforma laboral. Pode ser? Será? Ou véndennos iso, será casualidade ou causalidade? Probablemente para que isto sexa así remataremos fabricando pezas de gadgets tecnolóxicos que digan “meidenespein”, iso pásanos por traballar por riba das nosas posibilidades, pero continuemos..

Conste que a palabra rara de logopedia (á que probablemente teñan alerxia os mesmos que a teñen á palabra “pedagogo”) vai de trastornos de voz, linguaxe e comunicación. Comunicando, comunicando vaiamos pois cara atrás nesta viaxe, ao igual que a vida que nunca é lineal. Corrían os anos 60 de profundos cambios nos EEUU, e precisamente (que coincidencia) por aquelas terras californianas de praias e adolescentes do Pau dereito e aínda sen “feisbú”, un grupo de persoas tentaban diseñar un modelo de comunicación complexo. Tratábase de reflectir as interaccións humanas e sociais dunha maneira algo máis complicada que o vello modelo emisor-receptor-mensaxe, modelo abandonado por simple pero que aínda podemos ver nos libros de texto de lingua. Da mestura da psicoloxía sistémica (unha escola que tenta ver os problemas como sistemas conectados coas súas partes) cos lingüistas e especialistas en comunicación xurdía a psicolingüística. Algo así coma a fórmula da alquimia da comunicación humana, ou o sagrado grial para entenderse vaia, ou a teoría unificada do universo para comunicadores.

watzlawickAsí vía a luz “Teoría de la Comunicación humana” do meu admirado Paul Watzlawick. Un libro que por primeira vez sistematizaba a comunicación humana artellandoa arredor de cinco axiomas principais. É dicir son axiomas porque cumprense si ou si, reflicten realidades e feitos que ocurren. Teoría baseada nun constructivismo radical, é dicir, construir a partir do que hai. Unha vez reflectidos ditos axiomas, podemos construir as nosas realidades a partir deles, mellorando a comunicación. Cinco axiomas, cinco realidades e unhas posibilidades de aplicación na vida real e a todos os sistemas que coma dicía un moi bo amigo meu que sei que me lerá: “é unha maneira de vivir”; cinco dimensións presentes das que para non estirarme de máis e os propósitos deste artigo rescatarei unha: “Os intercambios comunicacionais poden ser simétricos e complementarios”.

Así un pouco máis polo miúdo (si, xa sei que coa LOMCE todos sabemos moito máis grazas a Rouco Varela e o espírito de Fraga pero por se acaso dou por suposto que todo o mundo sabe o que é intercambio e comunicacional): os intercambios ou as comunicacións simétricas baséanse na igualdade, na horizontalidade, na premisa de partida de que os comunicantes están na mesma reciprocidade, ti pagasme unha e eu outra. Sen embargo as comunicación complementarias baséanse no acople, na postura de partida dunha situación desigual onde o que espera un do outro ou outra do un, é un rol a xogar. Por exemplo, as relacións simétricas presentaríanse ante seres humanos en igualdade de condicións: irmáns, amigos, amantes (bueno vale, esta pasa polos pelos “aceptamos barco”); e as complementarias, entre situacións de “autoridade” (alumno-profesor, xefe-empregado, dominancia-sumisión, etc). Pintado desta maneira e vivindo no mundo utópico a comunicación sería perfecta, pois non, porque certas relacións complementarias non sempre se ven. E o problema ven ó dar ou recibir gato por lebre, é dicir complementariedade onde se espera simetría e viceversa.

Aposto a miña sordina a que algunha lectora avispada xa ve a onde quero chegar (síntoo raparigos nisto coma en todo gáñannos por goleada). Toca pois falar de feminismo (e os/as que digan que que fago eu falando de feminismo aconséllolles que vaian ver unha de Chuck Norris ou Belén Esteban para alimentar a súa complementariedade). O feminismo dicía, creo que por unha banda, é dos “ismos” que con menos sangue e moita intelixencia emocional máis conqueriu no século pasado, e por outra, cada logro que consegue favorece tamén ós homes, ou polo menos ós que esperan/esperamos como educadores un intercambio máis simétrico entre os seres humanos. Hei de recoñecer que bordeo terreos pantanosos lanzándome nun terreo tan espiñoso onde máis da metade do xénero humano fai sufrir a outra coa súa violencia, pero precisamente trátase de buscar reflexións e motivos, e ademáis se non que non me pediran un artigo. E tamén de desbotar tópicos fóra, porque non deixan de ser caixóns e armaduras onde hai que entrar si ou si… e non sei onde lin aquelo tan bonito de que as armaduras non protexen do frío nin do calor, nin da interna nin da externa.

Velaí logo a explicación teórica (os que me coñecen tamén saben do meu gusto polas teorías), un tópico, ou argumento falaz da parte polo todo, o único que fai é introducir un esquema mental complementario, é dicir preparar o terreo comunicativamente para que unha relación inxusta prospere. A quen non @ golpearon algunha vez con esa maza invisible e xigantesca de “é que todos/todas… sodes/facedes/queredes…. Cal é a sensación? Esa, exactamente a dun personaxe de debuxo animado cada vez máis pequeniño aplastado pola maza ou puño da tradición, da complementariedade, do rol, do xénero, do que se espera. Se o unimos coa construcción social do xénero (mal que lles pese a furibundos machistas si é unha construcción social ata onde eu sei) nos nenos e nenas xa temos a dinamita preparada para cando medren.

verbalabuseAdultas que emponzoñadas do Dysney Channel medrarán buscando simetría onde lles devolven paus “porque os provocan”, adultos que seguirán a pensar que canto máis agresivos e temerarios sexan mellor “porque hai que ensinarlles a estas histéricas”. Pero aínda pode ir a peor, engadamos ó coctel unha pinguiña de letras de cancións que fomenten a dependencia (iso si, niso hai bastante igualdade, somos igual de estúpidos escribindo letras ñoñas e fomentando a dependencia das persoas, isto prometo que dará pé a outro artigo que acabo de discurrir), unha adicción á moda, esbeltez e beleza imposibles durante a adolescencia, e unha rodaxa do limón do romanticismo conservador con denominación de orixe Hollywood, e servímolo en vaso frío e conxelado de emocións na adultez. E paseniño, pero sen pausa todas esas armaduras de complementariedade ou do que debe de ser (dun lado e doutro) irán poñendo as súas peziñas arredor de nós fechándonos dentro delas coma na peli de Iron Man e deixando as súas pinguiñas nese cóctel moi amargo que beberemos unha e outra vez.

Non sei se unha mellor comunicación amañará algo, ou non pero é unha proposta radical coma outra calquera, radicalmente constructiva, construamos realidades pois a base da analise, do que hai, e non do que debería haber, do ser e non do ter e do parecer, do “fixeche” e non do “todas”, queda traballo por facer nas escolas pero “imos arando” que diría a mosca. Eu apúntome á simetría, e ti? Unha boa proposta para un anuncio do Gadis… vivamos como simétric@s…

Posibel? Non sei pero coido que ademáis “simetría” é unha palabra bonita e moi sonora (defecto “profisional”), de momento vou brindar cunha birra polas simetrías, o “faisbú”, Palo Alto e sobre todo por conseguir escribir por fin este artigo breve pero conciso para A Revolta.

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta