viernes 19 de octubre de 2018 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

TRILOXÍA DA GAIVOTA, FINAL: CADA DÍA MELLOR E MELLOR

O último eslabón da saga galega do PP

Feijóo

Rematamos por fin o repaso á conexión galaica do actual partido hexemónico da democracia española cun repaso á traxectoria de Alberto Núñez Feijóo (Ourense, 1961), actual Presidente da Xunta de Galicia e figura permanentemente ascendente no organigrama pepeiro.

Antes de nada cómpre recoñecer a inexactitude na que inevitablemente cae unha análise persoalista fronte á complexidade dos procesos culturais, sociais e económicos que rematan por conformar o tecido dun partido político. Mais tamén é certo que todas esas consideracións son puntualmente barridas por decisións persoalistas dende o vértice superior da ríxida xerarquía que adoptan estas organizacións, decisións que teñen consecuencias sobre a cidadanía, e por outra parte o enfoque sensacionalista de altas e baixas paixóns resulta moi atractivo para o público, que somos tod@s un pouquiño culpables de cotillismo. Así que, unha vez pedidas desculpas por esta aproximación a todas luces simplista á nai de tódolos fregados, o da cousa pública, dispoñámonos a revolcarnos na lama, que é o que nos gusta.

Calquera que teña seguido a traxectoria do noso protagonista de hoxe pode certificar o seu carácter felino, pola súa capacidade a caer sempre de pé (capacidade que é en parte innata, e en parte debida ó eficaz equipo de apagalumes mediático do que dispón, claro). O señor Feijóo estudou, como tant@s outr@s polític@s galeg@s, Dereito na facultade de Santiago de Compostela, e como moit@s compañeir@s do ramo comezou a súa vida laboral no funcionariado público. No ano 1991 inicia o seu periplo polos cargos de designación, e pronto aparece vinculado á figura de José Manuel Romay Beccaría, daquela Conselleiro de Sanidade na Xunta e capo do Partido Popular coruñés (por certo e profundizando na liña de salsa rosa pola que anteriormente pedimos desculpas antes cómpre lembrar que este señor, octoxenario e que sempre conseguiu manterse nun segundo plano a pesar de detentar considerables cotas de Poder, segue na brecha -e en nómina pública- coma Presidente do Consello de Estado).

A chegada a Moncloa dos populares no 96 leva a Romay a Madrid onde accede á carteira ministerial de Sanidade e Consumo, e Feijóo acompáñao, outorgándoselle a Presidencia do INSALUD antes de ser nomeado Director da entidade pública de Correos e Telégrafos no ano 2000. Durante a estadía do noso home a cargo do ente complétase a privatización do mesmo, que non xera o nivel de polémica de eléctricas e telecomunicacións por unha análoga diferencia de lucro asociado.

No 2003 retorna a Galicia, sustituindo ó defenestrado Xosé Cuíña na Consellería de Obras Públicas, Política Territorial e Vivenda, así coma na Vicepresidencia da Xunta. Queda así sinalado coma o evidente sucesor de Manuel Fraga, nunha manobra que sinala o triunfo definitivo dos birretes sobre as boinas na loita interna de poder que levaba anos dirimíndose na trastenda do Partido Popular de Galicia.

Non nos precipitemos… ¿definitivo? ¡Non! Unha indómita provincia sen mar resiste ó invasor, alimentada pola queimada máxica suministrada polo seu caudillo e poderoso druida Baltárix… Pero voltaremos a iso logo.

Como xa comentamos, a xogada non saiu exactamente como se pretendía, e o natural desgaste das circunstancias impediu a enésima maioría absoluta de Fraga. O PSOE e o BNG acordan unha coalición de goberno e o PP pasa á oposición.

Para Feijóo isto suporá máis problemas no ámbito interno que na súa laboura de cuestión ó Goberno: trala marcha de Fraga ó retiro do Senado, José Manuel Barreiro, Enrique López Veiga e mesmo Xosé Cuíña, apoiado inicialmente pola boina de Baltar, postúlanse para liderar o partido en Galicia, pero finalmente imponse o criterio de Génova e Núñez Feijóo herda a baronía. No ámbito da oposición, o evidente conflicto de intereses nunha coalición dividida en faccións dentro dos partidos que a conforman sempre será doado de atacar, e máis cando a realidade económica torna radicalmente (máis ben deixa de ser irrealidade) cara a metade da lexislatura.

O Presidente Emilio Pérez Touriño decide agotar a mesma, nun xesto extraño que case parece dar por perdidas as eleccións, e por se fixese falla, aparece a escasas semanas dos comicios unha foto do Vicepresidente Anxo Quintana co empresario Jacinto Rey, do Grupo San José, beneficiario do daquela recente concurso eólico da administración autonómica.

Foise co ventoUnha campaña enfocada á austeridade leva a Feijóo á maioría absoluta. Dentro desa pretensión, algunha das súas primeiras medidas resultan sinsetidos coma o baile de cifras na autovía da Costa da Morte, con adxudicacións á alta, aínda que recentemente Sacyr deixou claro ó vulgo que na obra pública, o barato sae caro, porque o diñeiro está no rectificado (e o contribuínte sempre paga). Outra decisión de peso foi a anulación do citado concurso eólico, por supostas irregularidades, e a realización dun novo concurso (no que entroutros entraba a ser beneficiario o modélico empresario Manuel Jove). O resultado foi o recurso ante os tribunais das primeiras adxudicatarias ante a anulación do concurso do bipartito, recurso que o TSXG rematou por aceptar, negando os motivos esgrimidos pola Xunta para a desestimación dese concurso. A Xunta fixo o que sempre se fai nestes casos: elevar a discusión ó subseguinte tribunal, neste caso o Tribunal Supremo.

Entre fregado e fregado, catro anos despois da adxudicación polo goberno de Feijóo dos watios do vento, aínda non se realizou nin un só dos parques previstos, e polo camiño acabouse a prima das renovables, co cal o pingüe negocio agora non o é tanto. A avaliación económica das perdas na industria técnica auxiliar desta tecnoloxía é difícil de estimar, pero é sen dúbida moi cuantiosa. Só queda aplaudir:

A súa primeira lexislatura estivo lonxe de representar a transformación prometida en campaña. Calquera que esperase iso a estas alturas da película pecaba profundamente de inocencia, que é unha forma agradable de describir a absoluta falla de visión crítica de conxunto. Un exemplo témolo na sucesión da Diputación de Ourense: Xosé Luís Baltar deixa a presidencia, e é elixido como sucesor o seu fillo José Manuel Baltar. Esta solución non é dende logo a preferida polos birretes de Feijóo, quen tentaron por tódolos medios evitar ese resultado, pero á fin, ante a ameaza de cisma e a posibilidade de avariar a que se leva mostrando como unha potentísima máquina de facturar votos, non quedou outra que abrazar ó inimigo seguindo a doctrina de Sun Tzu.

The_Art_of_War_SunTzu

Por outra parte, un asunto que o Presidente capitalizou coma un éxito foi a fusión das caixas galegas. Non se sabe por que, pero polo visto saíu reforzado dun asunto que, en perspectiva, foi unha trapallada máis nunha longa lista. A nivel municipal, a sensación inicial de “coller máis cacho” por parte da entidade sureña deu na derrota dos socialistas en Coruña, accedendo o PP por primeira vez á alcaldía herculina. Como non se pode ter todo, o populista socialista Abel Caballero tamén aproveitou ese sainete para aumentar a colleita de votos e manterse no poder en Vigo.

Para evitar o máis que previsible desgaste que ía aportar a chegada do amigo Mariano a Moncloa, pois quedaba sen o recurso do chivo expiatorio zapaterista, Feijóo, a diferencia do seu predecesor no cargo de Presidente da Xunta, non tivo reparo en adiantar as eleccións. Renovada a maioría, aparecen novas fotos de iates (nótese o cambio de orde fronte á ocasión anterior), nesta ocasión do noso protagonista co contrabandista Marcial Dorado Baúlde, que databan de mediados dos noventa, cando este xa fora condenado dúas veces polas súas actividades ilícitas, cousa que o Presidente dixo descoñecer… As fotos parecéronlle a Feijóo a mostra dunha porca manobra destinada a alonxalo da política, pero de existir ese complot hai que dicir que non tivo éxito. A reacción ante esta súbita crise de imaxe é unha explosión de viaxes e iniciativas para o anteriormente contemporizador Feijóo, quen fai quilómetros coma Fraga e acaba conseguindo apoio mexicano para o naval galego. Apoio qiue ademais deu dobles dividendos ó señor Alberto, pois o retraso de ano e medio na súa execución fixo posible vendelo (as loas non as coñece quen non ve e escoita a RTVG, aparato de propaganda e manipulación de eficacia probada baixo diferentes gobernos pero que acadou as maiores cotas de desconexión coa realidade baixo a dirección popular) dúas veces. E agora incluso se mostra rebelde no tema do aborto, a envelenada mazá que Rajoy fixo morder a Gallardón (rebeldía que non o compromete en ningún caso, salvo fronte ós máis reaccionarios dos seus votantes, que por outra parte… ¡seguiranlle a votar igual!). Pois nada, que Feijóo segue en disposición a enfrontarse a calquera cousa, demostrando a capacidade para recompoñerse que mencionamos ó principio desta entrada.

Recentemente, en apoio ó novo candidato do PP en Andalucía, Feijóo dixo que a Transición española non rematará ata que en Andalucía non goberne alguén distinto ó PSOE. Volvendo á tese inicial desta triloxía, e dende o meu punto de vista afincado neste rincón da península, nós podemos dicir que a Transición, en Galicia, requerirá que gañe as eleccións alguén distinto ó Partido Popular que lonxanamente fundara Don Manuel. E iso aínda está por ver.

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta