domingo 19 de noviembre de 2017 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

HERBA MOURA

de Teresa Moure

Teresa-Moure

Mentres remexo con coidado a cunca que hoxe me fai compaña, deixo que suba paseniño polo meu nariz o vivo e fresco aroma de framboesa. Mestúrase co da roupa á que acabo de pasar o ferro e deixar no cesto. Cando se mesturan ambos cheiros, e como se dun acto reflexo se tratara non podo evitar pechar os ollos e sentirme na casa de Hèléne Hans agachada xunto as súas herbas e feitizos máxicos. Esta é sen dúbida a inevitable pegada que para sempre Teresa Moure deixou no meu subconsciente coa súa última obra, Herba Moura.

De mulleres e paixóns, se é que aínda queda xente que sexa quen de diferenciar entre ámbalas dúas cousas, de iso trata Herba Moura. Paixón pola vida, polo amor, polo sexo, polo desexo, por mulleres e por homes, por fillos, por saber, por coñecer o pasado e por riba de todo, por sentir todo isto.

herba moura portada

Moure escribe paseniño unha Biblia para meigas novas. Cada recuncho do texto é un pequeno escondrixo no que se deitar a durmir para termos soños lixeiros, que voen sen ás, que acariñen sen mans e den de comer ás almas ademais de aos corpos.

Herba Moura garda entre as súas páxinas a vida de varias mulleres que se entrelazan nunha histórica viaxe dende a Holanda que rexenta a raíña Cristina de Suecia ata a Galicia contemporánea. Ademais das curvas do corpo e do destino, teñen en común unha fina ironía e unha densa sabedoría popular que impregna toda a obra e que fai que sexa imposible non sentir ganas de roubarlle os pensamentos a Moure.

Remedios de amor con moralexa e con sabios consellos que veñen de mulleres que non é que sexan de armas tomar como nos di Teresa, senón que son elas mesmas as armas, bicos que desexaríamos ter dado nós no canto delas, feitizos máxicos que nalgún intre da vida quereriamos ter a man…

Polas páxinas de Herba Moura circula unha sorte de sangue de muller que desvela unha incrible historia a modo de carta, de receita, de poema… todos eles, textos de mulleres que son distintas pero que no fondo son unha mesma, a muller que todas temos dentro.

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta