sábado 20 de enero de 2018 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

E LA NAVE VA…

La nave de los necios

O pasado día trece cumpriuse un ano do lanzamento deste magazine virtual voso. O correr do tempo, inexorable coma sempre, deixa paso a unha reflexión sobre os días que nos tocan vivir.

Hai pouco reflexionaba sobra a parrilla eternamente repetida da Dúas, onde apenas algún documental sobre a Grande Guerra, no centenario do seu inicio, conseguía asomar entre a extensísima colección de pezas adicadas á Segunda Guerra mundial, e sobre todo ó nazismo. Semella que á fin o tolo Adolph vai ter algo de razón: o Terceiro Reich non durou mil anos (nin quince) pero a iconografía do nacionalsocialismo seguro que habitará o subconsciente da humanidade por alomenos ese tempo, ou ata a autodestrucción da especie, o que chegue primeiro.Nürnberg, Reichsparteitag, RAD-Parade

A insistencia nese episodio histórico concreto por parte d@s formadores de opinión deixa ver o gusto por un relato máis grande que o mundo, que ademais polo seu particular desenrolo consta como un capítulo pechado, sen demasiadas conexións con potenciais conflictos do día de hoxe. Mentres voltamos a mirada aló, o bosque pasado non nos deixará ver as árbores podres que nos rodean.

O que pasa é que iso tamén é unha visión incompleta do asunto: a xeopolítica segue a nutrir o noticiario con temas directamente relacionados coa festa en cuestión, pois non habería un Estado de Israel de non ser polas atrocidades do antisemitismo xermano, e o conflicto económico que subxace tralo nespereiro en Ucraíña non pode estar separado do feito que os protagonistas desta loita, Alemaña e Rusia, pelexaron asimesmo naquela ocasión. De feito a propaganda soviética bautizou as batallas na súa fronte occidental como a Grande Guerra Patriótica, que é un título moi rimbombante para describir que alí morreron máis de vinte millóns de súbditos do Partido só polo efecto inmediato das operacións militares, sen contar o terrible golpe á economía da poboación civil que supón unha guerra. Cousas que non se esquecen nunha xeración ou dúas.

Por exemplo tamén podemos poñer o tema de moda na política española, o da condición moral nacional, pisada pola vaga inxente de casos de corrupción pública e privada. Se hai xente que vai moi atrás para explicar un carácter diferencial e trampulleiro pola nosa parte, dende a novela picaresca e antes, sen ir tan lonxe podemos considerar a nosa historia: vivimos nun réxime que amnistiou vía do punto e final ó anterior, orixinado nun levantamento armado contra unha república democrática. A sensación de impunidade da casta, que diría o outro, está bastante fundamentada na súa propia experiencia.

E é que a sensación subxectiva de cambio acelerado está, por unha vez, respaldada polos feitos contables: a explosión de poboación no planeta, e o incremento da capacidade de comunicación debido á revolución tecnolóxica fan que as conexións entre @s compoñentes da sociedade medren astronomicamente, e con elas, o potencial para acadar novas respostas e preguntas. Pero iso non quita que a herdanza da nosa tradición histórica sexa unha lousa pesada, de forte inercia, e que a posibilidade (e case seguridade) dun millón de pequenos cambios non trae por seguro que cambie o patrón mestre da nosa estrutura piramidal.

Como optimistas toca opinar que, se ben difícil, ese cambio de envergadura é posible. E cómpre pensar que está máis preto hoxe que hai un ano, poñendo en valor así o esforzo verquido neste proxecto.

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta