domingo 23 de julio de 2017 -
A Revolta | Magazine Cultural Online

CUNCAS DE RIBEIRO E FRÍO NA ALMA

Portada

O sector audiovisual galego vive o momento de maior esplendor de toda a súa historia, e isto é para celebrar, aínda que esta historia só se remonte tres décadas atrás.

Efectivamente, a transición e as reformas educativas dos oitenta fixeron posible a formación dos profesionais, e a irrupción da TVG aportou visibilidade, o punto de luz polo que introducirse nos fogares d@s galeg@s: hoxe é a cadea autonómica máis vista de España, cunha labor importantísima na normalización do idioma (e no adoutrinamento político…). En consecuencia, pódese falar dunha industria cinematográfica, modesta, pero que medra e está a ilusionar, tamén da man dun talento dramático consolidado dende a tradición teatral.

Por cuestións de época, Ignacio Vilar (Petín, 1951) non pertence ós técnicos formados no país, pero voltou a Galicia para crear a principios dos noventa a productora Vía Láctea Films e converterse en protagonista principal do audiovisual do país. Exercendo como productor e director de diferentes proxectos, comezou con curtametraxes e deu o salto á longa duración con Ilegal (2002), unha historia sobre o tráfico de inmigantes no estreito de Gibraltar. Tras Pradolongo (2007) e Vilamor (2012), a súa cuarta achega ás salas de cine é a adaptación fílmica todo un cánon da literatura galega, A esmorga.

exposicion_blanco_amor_09_12_01A obra máis famosa de Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897- Vigo, 1979) sempre pareceu a quen se perdera por entre as súas páxinas coma unha historia ideal para o cinema, pola súa unidade de tempo e espacio. Tanto é así que esta non é a primeira vez que chega á pantalla grande: o director asturiano Gonzalo Suárez xa a levou ó cine en 1976. Titulada Parranda, contou coa colaboración do propio Blanco Amor no guión e con tres pesos pesados da interpretación nos roles principais: José Sacristán, José Luis Gómez e o finado Antonio Ferrandis. Unha boa película: o mellor eloxio que se pode facer da nova versión é que supera este anterior intento.

Para comezar, é un acerto manter o impostado e artificioso galego que Blanco Amor creou na novela. En breves minutos o oído afaise e as liñas caen cun peso que calquera cambio mitigaría. Logo está o magnífico traballo actoral: Miguel De Lira está perfecto como Cibrán, pero Antonio Durán “Morris” brilla aínda máis coma Milhomes, un papel dramático de primeiro nivel para o que quizais sexa o careto máis visto da historia do país, en comedias de divarsa valía. Completa a terna un dos actores máis intensos do estado español, e á vez un dos máis exitosos en taquilla: o xenial Karra Elejalde non pode evitar falar galego con acento éuscaro, pero iso non é ningún tipo de obstáculo para o impacto do filme, que os personaxes están bébedos todo o tempo e ese é un rexistro que Karra domina á perfección.

Ruta_da_EsmorgaA historia está contada integramente e non mostra problemas de ritmo na hora e cincuenta de metraxe, a atmósfera e localizacións están perfectamente logradas para dar vida ó Ourense franquista máis rural, e nesa laboura toca destacar a excelente fotografía de Diego Romero, cunha fría luminosidade que fai evocar a represión e penurias que destilan na novela.

Pola súa parte, Zeltia Montes é a responsable da BSO, un traballo depurado, minimalista e quizais algo máis melancólico do que Blanco Amor deixou escrito, pero que funciona ó achegarnos máis á patética figura de Cibrán no medio da tormenta de alcohol e sexo na que se verá atrapado.

Unha traxedia clásica en toda regla que segue nun feixe de pantallas un mes despois da súa estrea. Aproveitade para ver esta coproducción de Vía Láctea e Editorial Galaxia. Por certo o libro seguro que é un bo presente para estas próximas festas… e o ano que vén, o DVD-BluRay ou o que sexa.

 

 

Si te gusta este artículo, ¡compártelo!

Dejar una respuesta